Como xa contei algunha vez, tería que acabar a carreira este ano e por iso, a mediados de abril, tiven que voar a Galiza, xa que tiña o acto de licenciatura. As datas coincidían de marabilla, porque xa aproveitaba e quedaba uns días máis despois da Semana santa, e podía ir ó acto. Desde Tübingen, se queremos voar directos a Galiza dun xeito económico temos que coller o voo de Frankfurt-Hahn até Santiago, liña operada pola compañía de baixo coste máis coñecida de Europa. Así que púxenme mans á obra e entrei en internet para mercar o meu pasaxe e o do meu mozo.
O problema xurdiu cando xa metera todos os meus datos, os do meu mozo e os da tarxeta para pagar. Apareceu unha pantalla de erro que dicía que tiña que comprobar o meu correo electrónico para saber se mercara os billetes. Non tiña ningún correo, pero aínda así intentei mirar en xestión de reservas da páxina web da compañía. Non me deixaba acceder á reserva, polo que intentei mercar de novo os voos. Mesma pantalla de erro, ningunha mensaxe na bandexa de entrada do meu correo, e seguía sen poder acceder á reserva.
Uns días máis tarde entrei outra vez na páxina, para repetir o proceso, pero entón a mensaxe cambiou. Dicía que non podía realizar o pago coa miña tarxeta e, como non podo ver os movementos da conta desde aquí, chamei aos meus pais para que intentaran ver que pasaba. E o que pasou é que tiña o cargo polas dúas veces que intentei mercar os voos e estaba sen saldo dispoñíbel na tarxeta. E, por suposto, eu seguía sen ter os meus billetes.
Entón comezou a odisea de chamadas ao servizo ao cliente. Moitas veces agardaba e agardaba e non había resposta. Outras tantas, a teleoperadora desviábame a outro número de teléfono que sempre estaba comunicando. Despois de case unha semana chamando sen parar e sen poder solucionalo atopei unha rapaza que o solucionou nun intre. Dous minutos falando con ela e xa tiña o número de reserva dos meus voos e a confirmación por email de que me devolverían o resto do diñeiro.
E esta é a miña experiencia. A miña madriña, pola contra e afortunadamente, non tivo nunca ningún problema deste tipo, aínda que o seu irmán si. Contoume que foi a Londres desde Porto cando a nube volcánica colapsou media Europa. No aeroporto dicían que poderían voar na data, na compañía que non o sabía e que tiña que ir ao aeroporto e a ver que pasaba…el, intentaba explicar que para chegar ó aeroporto tiña que conducir 150 quilómetros e que se chegaba e ao final non podían ir pois xa vos imaxinades. Ademais pensaba que como lle podían dicir iso xa que se podía colapsar o aeroporto. Despois de múltiples chamadas (ben cobradas todas elas) confirmáronlle que podían voar na data e a hora adecuadas pero foron uns días terribles… e eu podo confirmalo, porque xa é mala sorte que a min tamén me pillou o volcán cando quería volver a Alemaña!